O acceso á vivenda en Ponteareas e no estado

O acceso á vivenda é un dereito básico imprescindible para asegurar unha vida digna, sendo fundamental para garantir outros dereitos elementais: como o dereito á intimidade, á seguridade, á saúde ou á educación. En definitiva, a vivenda é un ben necesario para permitir o desenvolvemento pleno de todo ser humano.

O sistema capitalista non asegura este dereito a toda a sociedade. Cinguíndonos ao noso país, a situación é moi mellorable. Ao deixar nas mans do libre mercado a produción e xestión da vivenda, só teñen acceso a este ben con facilidade as persoas cun nivel adquisitivo alto (deixando á marxe a quen o houbese recibido por herdanza).

A maioría da clase traballadora debe destinar gran parte dos seus ingresos para soportar unha hipoteca ou o alugueiro; con todo, sempre estarán baixo a ameaza de que unha das crises periódicas do sistema capitalista os deixe nunha situación máis fraxil. Situación que xa viven as persoas con traballos precarios ou en situación de desemprego, sector da clase obreira que debe prescindir doutros bens de primeira necesidade para facer fronte ao gasto mensual destinado á vivenda.

A situación máis dramática a sofren as persoas sen fogar. No ano 2017, só a Cruz Vermella atendía en Galicia a 1.263 persoas en situación de senfogarismo. Esta realidade mostrase en maior medida nas grandes cidades, con todo, nas pequenas localidades tamén existe: non se fai visible na rúa pero moitas persoas se ven abocadas a vivir en edificacións ruinosas, sen os servizos básicos de auga, electricidade e calefacción.

Neste contexto, a asociación Ponte Solidario de Ponteareas, está pondo o foco no problema do senfogarismo dende setembro do 2020 (ver a nota de prensa na páxina). Esta asociación reclama á administración local unha solución para as persoas sen fogar. Por outra parte, Ponte Solidario denuncia a situación das persoas en risco de exclusión social, que deben destinar máis da metade dos seus escasos ingresos a pagar o alugueiro. Conforme aos datos do IGE, no 2019, o 8% da poboación de Galicia estaba en risco de pobreza, con carencia material severa. Para dar solución a este problema, Ponte Solidario reclama que as administracións públicas promovan programas de aluguer social, para que os gastos para acceder á vivenda sexan proporcionais aos ingresos das persoas.

O Núcleo de Ponteareas do PCG apoia estas reivindicacións da asociación solidaria. Ambas problemáticas poden ser abordadas pola administración local. É unha cuestión de vontade política destinar fondos para mellorar a calidade de vida da veciñanza máis desfavorecida. É unha vergoña que os partidos do goberno municipal apoiasen, antes de entrar no goberno, reivindicacións similares de Ponte Solidario e que, durante seis anos, non levasen a cabo ás medidas máis elementais. Só cabe cualificalos de oportunistas.

Somos conscientes que, a nivel estatal, a solución ao problema da vivenda pasa porque o goberno central e autonómico fomenten a creación dun parque público de vivendas para garantir o acceso a vivenda, un dereito básico que como sociedade debemos asegurar a todas as persoas. Este parque público de vivendas tamén facilitaría a emancipación da mocidade e, en definitiva, aseguraría á clase traballadora o acceso a vivenda.

É evidente que o sector privado da construción non participará na creación deste parque público de vivenda, xa que non lle aportará beneficios. Esta proposta deberá acompañarse coa creación de empresas públicas adicadas á rehabilitación e conservación das vivendas necesarias. Ademais, para eliminar todas as rendas en mans do sector privado, rendas que encarecen a vivenda, a única solución pasa por colectivizar o solo, pondo un recurso natural ao servizo de toda a sociedade.

As rendas do solo supoñen unha plusvalía indirecta, parte do soldo da clase traballadora pasa directamente a mans privadas para poder dispoñer dun ben imprescindible para a vida.

A socialización do solo non só solucionará o problema da vivenda, senón que é unha medida necesaria para permitir a planificación racional do territorio, organizando dunha forma eficiente e ecolóxica todas as actividades humanas. Deste xeito, deixaremos de intervir sobre a natureza dunha forma fragmentaría, segundo os intereses privados, orientados exclusivamente pola ganancia e desvinculados do interese común. A adaptación ao cambio climático só será posible cunha planificación democrática, encamiñada a garantir as necesidades básicas, co obxectivo de asegurar unha vida plena a toda a humanidade.

ETIQUETAS: