O acto tivo lugar en Vigo con militancia de toda Galicia e pon peche a un ano de actividades

O PCG celebra o seu centenario: ‘miramos ao pasado para empurrarnos cara ao futuro’

A Secretaria Xeral, Eva Solla, e Mauricio Valiente, membro do secretariado do PCE, clausuraron un acto no que se reivindicou o traballo da militancia para mellorar a vida da xente.

O auditorio de Teis, en Vigo, acolleu o acto de conmemoración do Centenario do Partido Comunista de España en Galicia. No evento atopáronse as xeracións máis novas e as maiores para dar testemuño da memoria de cen anos de traxectoria. Os valores do Partido Comunista de Galicia foron reivindicados como a mellor ferramenta para facer fronte ás desigualdades que provoca o sistema.

O evento estivo enmarcado nun ano de actividades en conmemoración dos cen anos que cumpre o Partido Comunista de España, como o certame de rap combativo, o de relato curto ou a exposición de Bernarda Espida, de Xavier Costa e outras moitas que foron organizadas no resto do Estado español. As distintas intervencións serviron para reivindicar a importancia histórica do partido no pasado e o papel que debe tomar no futuro.

Para Eva Solla, Secretaria Xeral do PCG, “a militancia é un exercicio de xenerosidade e solidariedade”, expresando o seu agradecemento “a todas as persoas que deixaron a vida nestes cen anos na loita por facer un mundo mellor”. Na súa Intervención, Mauricio Valiente destacou que “se hai algo que destaca na historia do Partido Comunista, é a capacidade de adaptación, de aprendizaxe e de arraigo social”.

Eva Solla, Secretaria Xeral do PCG

No acto participaron figuras históricas coma o primeiro secretario xeral das Comisións Obreiras en Vigo, Waldino Varela, o ex-presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, unha das impulsoras das Comisións Obreiras en Ourense, Manuela García, e o Presidente Honorífico do PCG, Manolo Peña-Rey. Todos eles estiveron acompañados de novos valores do partido no país, do mundo da cultura, da loita obreira, da mocidade e do feminismo.

“Un futuro con partido”

“O Partido Comunista é o único que no seu ADN leva a loita contra o capitalismo”, indicaba Manolo Peña-Rey na súa intervención, “por iso é máis necesario ca nunca para facer fronte aos novos retos da sociedade”. O Partido Comunista segue a ser unha referencia política fundamental na loita contra o cambio climático, os dereitos da clase traballadora, o feminismo, a situación da mocidade e a defensa da cultura.

Ademais destas intervencións, o acto contou cun recital poético-musical, coa poeta ourensana Antía Balvís e membros da banda coruñesa Wetsocks. A sala de exposicións do auditorio acolleu, ademais, unha mostra fotográfica sobre a vida das militantes do Partido Comunista de Galicia.

ETIQUETAS:

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.